Historia de Lérez: unha ollada desde Cedofeita

Mosteiro de Lérez

Presentación

Cada realización ou suceso do pasado contén un latexo da vida comunitaria cuxa noticia nos pon en contacto cun mundo afastado, se cadra tamén descoñecido, pero sen a cal estariamos faltos de raiceiras. Porque o coñecemento do pasado dun país, dunha vila, dunha comarca ou, coma neste caso, dunha parroquia non fica unicamente na mera erudición de quen posúe ese saber, senón que nel todos podemos atopar leccións que nos axudan a entender o presente e a camiñar por el máis seguros, así como a enxergar o futuro e a proxectalo con
maior solidez.


Por isto, pareceunos oportuno non deixar pasar o XXV aniversario da Asociación Cedofeita sen poñer na man
dos asociados e do público en xeral unha historia de Lérez vista desde a nosa atalaia. Para a súa elaboración tomamos como base unha serie de artigos publicados na nosa revista, Cedofeita, ao longo destes vinte e cinco anos, obviamente revisados e adaptados para a ocasión. A eles engadíronselles novas achegas coas que comple tamos Historia de Lérez. Unha ollada desde Cedofeita, cuxo contido repasa os feitos máis salientables acontecidos neste territorio desde a prehistoria ata os nosos días.


Na súa realización interviñeron diversos autores aos que agradecemos o seu esforzo e xenerosidade. Igualmen te agradecemos o apoio do Concello de Pontevedra sen o que non sería posible vermos hoxe editado o presente volume.
Con esta publicación, que aparece en pleno esplendor primaveral como un ventureiro agoiro de forza e ilusión,
pretendemos fornecer aos lectores unha información rigorosa sobre o pasado da nosa parroquia para, a través dela, contribuír á consecución dunha perspectiva histórica, que nos faga sentir fachendosos do que foi e do que é, que incremente o noso afecto cara a ela e que nos anime a traballar solidariamente polo seu progreso, sabedores de que aínda queda moito labor por facer.


Xaime Iglesias González
Presidente da Asociación Sociocultural Cedofeita
Lérez, marzo 2020